Lugo acolle do 12 ao 14 de setembro o V Trofeo Internacional de Voleibol feminino

O V Trofeo Internacional de Voleibol feminino, que organiza o Club Voleibol Emevé, celebrarase do 12 ao 14 de setembro no pavillón municipal de deportes de Lugo.
A cita foi presentada polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e a presidenta do club organizador, Bibí Bouza, e contará por primeira vez cun formato triangular.
Ademais do equipo anfitrión, o Arenal Emevé, participarán no torneo o SC Braga, con ampla traxectoria de éxitos en Portugal, e o Feel Volei de Alcobendas, que regresa esta tempada á elite do voleibol español.
O partido inaugural disputarase o venres ás 18.00 horas entre o SC Braga e o Feel Volei. O sábado, ás 16.45 horas, será a quenda do Arenal Emevé fronte ao conxunto portugués, e o domingo pecharase a competición co duelo entre o equipo de Alcobendas e as lucenses, ás 12.00 horas, tras o que terá lugar a entrega de trofeos.
Javier Arias subliñou que é “un orgullo acoller en Lugo, por quinto ano consecutivo, o único trofeo internacional feminino de voleibol de máxima categoría” e destacou tamén o traballo do Emevé para consolidar esta cita como referencia da pretempada oficial no noroeste peninsular, lembrando ademais o éxito do Campionato de España Júnior Feminino celebrado en maio na cidade.