Lugo acolle dous torneos de mus organizados por Gaudeamus

A asociación Gaudeamus organiza esta fin de semana en Lugo dous torneos de mus, un deles de carácter solidario. O secretario do colectivo, Anxo Penalonga, presentou na Delegación Territorial ambas probas, que reunirán a case cen parellas procedentes de diferentes lugares de Galicia e do resto de España.
O escenario será o Círculo das Artes. O sábado disputarase o III Torneo de Mus Xunta de Galicia, que contará con 62 parellas inscritas, mentres que o domingo terá lugar o primeiro campionato benéfico promovido por Gaudeamus, no que participarán 33 parellas e cuxa recadación se destinará á asociación Dano Cerebral Lugo (Adace).
No torneo do sábado entregaranse numerosos premios, e en cada unha das dúas xornadas os xogadores poderán optar a unha praza para participar no XIV Master Nacional Marbella – Estepona 2025.