Lugo acolle este domingo a fase local do Torneo Escolar Xogade de Xadrez por Equipos

Lugo será escenario este domingo 27 de abril, a partir das 16:30 horas, do Torneo Escolar Xogade de Xadrez por Equipos, na súa fase local. A competición, organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en colaboración coa Escola Luguesa de Xadrez, celebrarase no Soto da Praza de Abastos e reunirá a mozos e mozas talentos do xadrez da provincia.
O torneo disputarase en formato individual, aínda que o resultado final calcularase por equipos: o conxunto que obteña a mellor puntuación sumando os resultados dos seus catro mellores xogadores será proclamado vencedor. O evento é completamente gratuíto e forma parte do programa Xogade, polo que todos os participantes deben estar dados de alta neste sistema.
Os gañadores desta fase local obterán o pase á fase provincial, que terá lugar o sábado 10 de maio en Viveiro, onde se enfrontarán aos mellores equipos doutras localidades da provincia de Lugo.
As inscricións están abertas ata o xoves 24 de abril ás 20:00 horas. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación a través do formulario en liña https://forms.gle/nkXuyQoKZhfwbC8C7, enviando unha mensaxe por WhatsApp ao 657 974 937, ou entregando o formulario directamente ao monitor da Escola Luguesa de Xadrez.
Cada equipo poderá estar composto por ata seis xogadores, aínda que tamén se permitirá a participación de equipos incompletos. En canto ao ritmo de xogo, cada participante disporá de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por xogada para toda a partida.
A entrega de premios está prevista arredor das 19:30 horas. Por motivos de organización, só os xogadores inscritos poderán acceder á zona de xogo, garantindo así un ambiente axeitado para a concentración dos participantes.