Lugo acolle este mércores a clasificación para o Europeo feminino de voleibol

LugoXa
O campionato celebrarase do 21 de agosto ao 6 de setembro en Turquía, Acerbaixán, Chequia e Suecia
campionato-europeo-voleibol
4 Aug 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández; o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; o seleccionador nacional, Pascual Saurín; e a capitana da selección española, María Segura, presentaron esta mañá o encontro entre España e Portugal da fase de clasificación para o Campionato de Europa feminino de voleibol, que se disputará este mércores 6 de agosto ás 19:30 horas no Pavillón Municipal de Lugo.

No acto estiveron tamén presentes Juan Alonso, coordinador de seleccións nacionais da Real Federación Española de Voleibol (RFEVB), e Mateo Fernández, director de competicións da Federación Galega de Voleibol.

A selección española chega a Lugo como líder do seu grupo tras impoñerse con claridade nos tres encontros disputados ata o momento: ante Portugal en Santo Tirso (0-3) e ante Xeorxia tanto en Guadalajara (3-0) como en Rustavi (0-3). Con nove puntos no marcador e sen un só set en contra, España ten practicamente asegurado o acceso á fase final do EuroVolley 2026, pero xogará en Lugo coa aspiración de manter o primeiro posto, unha posición clave de cara ao sorteo da seguinte fase.

O Campionato de Europa disputarase entre o 21 de agosto e o 6 de setembro de 2026 en Turquía, Acerbaixán, Chequia e Suecia. Participarán 24 seleccións nacionais, clasificadas como anfitrioas, gañadoras de grupo e os cinco mellores segundos da fase previa, como na que compiten España e Portugal.

Miguel Fernández destacou a relevancia de que Lugo sexa escenario deste tipo de encontros internacionais, enmarcados no acordo de colaboración coa RFEVB. “A intensa presenza das seleccións estatais este verán nas nosas instalacións reforza o prestixio de Lugo como sede de grandes citas deportivas e pon en valor o Pavillón Municipal como espazo de referencia para o voleibol de elite”, subliñou.

O acordo entre o Concello e a Federación permitiu este ano a celebración de partidos oficiais da Golden League masculina, da fase clasificatoria do preeuropeo sub16, encontros da sub21 feminina e a estadía conxunta das seleccións absoluta e sub25 femininas, que preparan en Lugo os seus compromisos internacionais.

O encontro deste mércores contará ademais coa participación de xogadoras con fortes vínculos con Lugo. É o caso da internacional Carolina Camino, natural de Quiroga e exxogadora do Arenal Emevé, así como doutras deportistas que militaron no club lucense en tempadas anteriores: Jimena Fernández Gayoso, Carla Jiménez, Alejandra Pérez, Zoi Mavrommatis ou Patricia Aranda. A súa presenza evidencia o peso do Emevé no voleibol feminino estatal, tanto na formación como na alta competición.

O concelleiro Jorge Bustos salientou que “o Goberno local está a facer unha aposta decidida por converter o deporte nun motor de proxección e orgullo colectivo, apoiando a organización de eventos de primeiro nivel e recoñecendo o papel exemplar do Arenal Emevé, que segue a levar o nome de Lugo por toda España”.

As entradas teñen un prezo único de 10 euros e poden adquirirse en liña a través desta ligazón.

⚙ Configurar cookies
0.066610813140869