Lugo acolle este sábado a Gran Reunión dos Cidadáns do Mundo para impulsar a integración social

Lugo prepárase para celebrar este sábado 19 de xullo, a partir das 16.00 horas, a Gran Reunión dos Cidadáns do Mundo, unha iniciativa promovida pola Concellaría de Movementos Migratorios, dirixida por Waldir Sinisterra, co propósito de reforzar o compromiso municipal coa integración social, a igualdade de oportunidades e a defensa dos dereitos das persoas migrantes.
O evento desenvolverase na nova sede da Concellaría, situada na segunda planta do edificio Uxío Novoneyra, na rúa Quiroga Ballesteros, e configurarase tanto como unha celebración intercultural como un espazo informativo esencial para dar a coñecer os servizos municipais destinados a persoas migrantes e solicitantes de protección internacional.
Desde a creación da área de Movementos Migratorios, o Goberno local traballa para consolidar Lugo como cidade referente en políticas de acollida, inclusión e cidadanía global. Baixo a coordinación de Waldir Sinisterra, a Concellaría garante que todas as persoas, independentemente da súa procedencia, teñan acceso aos dereitos fundamentais e poidan participar de maneira plena na vida social, económica e cultural do municipio.
Neste sentido, o concelleiro destacou que no novo punto de información cidadá ofrecerase atención especializada para persoas migrantes en aspectos como asesoramento xurídico gratuíto, orientación sobre acceso a dereitos sociais, laborais e de residencia, así como asistencia a solicitantes de protección internacional. A atención presencial realizarase os martes e venres, de 11:00 a 14:00 horas, mediante cita previa que se pode solicitar a través dos teléfonos de atención cidadá do Concello de Lugo.
Waldir Sinisterra subliñou que con esta proposta o Goberno local reafirma o seu compromiso de loitar contra as desigualdades estruturais, as barreiras administrativas e as discriminacións promovidas por sectores reaccionarios, ao tempo que se promove un modelo de cidade aberta, integradora, solidaria e diversa.
A Gran Reunión dos Cidadáns do Mundo non será só un espazo informativo, senón tamén unha festa da diversidade, cun dúo musical en directo, exhibicións de baile e un aperitivo colectivo, buscando favorecer o encontro entre culturas, o respecto mutuo e a construción dunha comunidade cohesionada.
“O recoñecemento mutuo é a base dunha integración real. Precisamos espazos comúns onde poidamos vernos, escoitarnos e entendernos como iguais”, afirmou Sinisterra. “Con este evento queremos convidar a todas as persoas que elixiron Lugo como fogar a sentirse parte activa da cidade. Aquí non hai cidadáns de primeira ou segunda categoría: só veciños e veciñas cos mesmos dereitos e deberes.”
Desde o Concello faise un chamamento á cidadanía para participar activamente nesta xornada e colaborar nas políticas que fan de Lugo unha cidade máis xusta, inclusiva e humana para todas as persoas.