Lugo acolle este sábado unha nova edición do 'Lucus in Vino Veritas'
Unha nova edición do Lucus in Vino Veritas terá lugar este sábado, 21 de maio, no atrio da Catedral de Lugo. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou hoxe na presentación desta cita vitivinícola que celebra xa a súa terceira edición.
A Deputada destacou a importancia de que o Goberno Provincial colabore en citas como esta que “se enmarcan no noso modelo de promoción do territorio a través dun turismo de calidade, de experiencias, sostible e non masificado”, expresou.
A Deputación de Lugo colabora con este evento cunha achega de preto de 2.000 euros para a posta en valor da actividade vitivinícola “un dos piares estratéxicos da economía lucense”, sinalou a Deputada.
“Dende a Deputación de Lugo impulsamos unha programación na que se atopan as rutas polo románico da provincia con motivo do Día da Transrománica, e tamén estamos desenvolvendo o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate ou o programa de viaxes Coñece a túa provincia”, recordou a Deputada.
Lucus in Vino Veritas contará nesta edición con máis de 20 expositores nos que se poden atopar viños da Ribeira Sacra e da zona de Negueira de Muñiz, pero tamén doutras zonas de Galicia e da Península, sendo a primeira vez que participa unha adega portuguesa. Como novidade, este ano organízase unha conferencia para os adegueiros e adegueiras enfocada a un mellor aproveitamento do negocio.
Pilar García Porto felicitou aos organizadores pola iniciativa e desexoulles éxito nesta nova edición.