Lugo acolle este xoves unha charla sobre os riscos dos medicamentos na condución

Este xoves, 29 de maio, a sede de Afundación en Lugo, situada na Praza Maior, será o escenario dunha charla aberta ao público centrada nos perigos da somnolencia ao volante e o impacto que certos medicamentos poden ter na seguridade viaria.
A conferencia, titulada Dormirse al volante: un segundo puede costarte la vida, terá lugar ás 19.00 horas e forma parte dun programa conxunto promovido pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e a área sanitaria de Lugo co obxectivo de reducir os accidentes provocados polo sono durante a condución.
Entre os poñentes destacan o doutor Luis Pérez de Llano, xefe do Servizo de Neumoloxía do HULA e responsable da Unidade do Sono deste centro hospitalario, quen abordará as causas médicas que poden provocar somnolencia nos condutores; Alberto Rodríguez Fernández, xefe provincial de Tráfico en Lugo, quen analizará o impacto deste tipo de sinistros nas estradas; e Alejandro Sánchez Pérez-Mel, presidente do Colexio de Farmacéuticos de Lugo, que ofrecerá información sobre os efectos secundarios dalgúns fármacos relacionados coa condución.
A actividade tamén contará coa participación dun representante da DGT, nun evento que busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de identificar os sinais de fatiga e coñecer os riscos asociados ao consumo de medicamentos antes de coller o coche.
A asistencia é libre e está especialmente dirixida ao público xeral, co obxectivo de fomentar unha condución máis segura e responsable.