Lugo acolle hoxe e mañá o encontro de danza galega e portuguesa ConVIVO

LugoXa
O Concello organiza o encontro de danza galega e portuguesa “ConVIVO” dentro da programación da Capital da Cultura de Lugo
Capital cultura eixo
15 Maio 2023

Lugo acolle este luns e martes o encontro de danza galega e portuguesa ConVIVO, enmarcado na programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Un encontro entre grupos de baile lucenses e outros pertencentes ao país luso, a través do que se quere visibilizar e poñer en valor as artes escénicas e a creación artística de ambas rexións.

Como acto central da programación, o artista de orixe galego Mondra interpretará este luns no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20:00 horas, a súa Folía das Ardentes, nun espectáculo que mestura música e danza, a medio camiño entre os ritmos tradicionais e electrónicos. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

Toda a información sobre esta actividade, así como do resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse a través da páxina we www.lugocapitaldacultura.com, onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.

Programación do encontro

Luns, 15 de maio

MIHL

  • 09:30H Presentación
  • De 10:00 a 11:30H Obradoiro a cargo de Alba Felpete (Conservatoria de Danza Profesional)
  • De 12:00 a 13:30H Café-Foro. Inscricións en capitalcultura@alcaldialugo.gal
  • De 16:00 a 18:00H Obradoiro con Inês Negrão (Ginasiano Escola de Dança).

Auditorio Gustavo Freire

  • 20:00H “Folía das Ardentes” a cargo de Mondra. Espectáculo de música e danza, a medio camiño entre os ritmos tradicionais e electrónicos.

Martes, 16 de maio

MIHL

  • De 10:00 a 12:00H Obradoiro a cargo de Rosa Acuña (Espazo de danza USC).
  • 20:30H Actuación ConVIVO interxeracional: conservatorio de Danza de Lugo; Grupo de Danza da USC e Ginasiano Escola de Dança. Entrada libre ata completar aforo.

Concerto de Mondra "Folía das Ardentes"

Artista, cantareiro e bailador, Mondra irrompe na escena musical galega en solitario cunha proposta que xunta o musical, o visual e o performativo, a medio camiño entre a música tradicional e a electrónica.

O espectáculo introdúcenos no universo de ARDĒN, combinando a voz e música de Mondra e a súa banda, integrada por dous músicos/as, coa danza e a interpretación, da man de catro bailadores e bailadoras en escena.

Un espectáculo ao vivo no que Mondra presentará un adianto dos temas que comporán o seu primeiro traballo discográfico. Un álbum de estudio que verá a luz a finais deste ano, e no que abordará temáticas tan relevantes como a sexualidade, a violencia, a saúde mental, a defensa da cultura propia ou o empoderamento da mocidade; e no que contará coa produción de Berto e a colaboración de grandes artistas galegas como as Fillas de Cassandra ou Aida Tarrío.

Grafica ConVIVO lugo capital cultura
0.17871594429016