Lugo acolle o 37º Congreso da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo

LugoXa
Neste, abórdanse temas de actualidade relacionados coas patoloxías máis prevalentes, como os tumores, os avances na xenética e a relación entre a diabete e afeccións cardíacas
Congreso-Endocrinoloxía-Lugo
10 Nov 2024

Lugo acolle o 37º Congreso da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo, que se desenvolve no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), coa participación do presidente da Deputación de Lugo e membro do Comité de honra da Sociedade Galega de Endocroloxía, Nutrición e Metabolismo, José Tomé Roca.

Durante a fin de semana, que reúne a destacados profesionais do sector que combinan rigor científico e capacidade de divulgación, abórdanse temas de actualidade relacionados coas patoloxías máis prevalentes, como os tumores, os avances na xenética e a relación entre a diabete e afeccións cardíacas.

José Tomé destacou a importancia de garantir unha atención médica pública “de calidade, gratuíta e universal”, facendo fincapé na necesidade de seguir investindo na sanidade pública “para garantir o acceso equitativo aos servizos de saúde en toda a provincia, tanto no medio urbano como no rural”.

O presidente referiuse á importancia de achegar á sociedade, especialmente aos máis novos información científica veraz sobre nutrición evitando as malas prácticas que se difunden a través das redes sociais. "É fundamental que as persoas reciban unha mensaxe clara e baseada en evidencia científica, en vez de caer na influencia de modas ou prácticas pouco saudables”, explicou.

Neste senso, convidou á reflexión sobre a situación sanitaria en países como Estados Unidos, que a pesar de ser líderes en tecnoloxía, non garanten acceso universal á atención médica de calidade. "Os avances técnicos deben ir de mans co factor humano, que é o que realmente mellora a sociedade", afirmou.

Ademais, incidiu no compromiso da Deputación coa sanidade pública e co traballo dos profesionais, destacando que se segue reclamando "investimentos que garantan a atención de calidade para todos os cidadáns e que permitan aos profesionais desenvolver o seu traballo sen sobrecarga".

O programa do 37º Congreso da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo, ofrece un completo programa de conferencias, mesas redondas e comunicacións científicas. Profesionais de prestixio comparten os seus coñecementos sobre a nutrición en patoloxías complexas, os avances na xenética, a relación entre as enfermidades metabólicas e cardiovasculares, así como o impacto da intelixencia artificial na medicina.

0.16071581840515