Lugo acolle o campeonato de seleccións autonómicas de escalada en idade escolar
O rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolle este fin de semana o campeonato de España individual e por seleccións autonómicas de escalada en idade escolar.
Os días nos que se levará a cabo a competición serán do 23 ao 25 de xullo; tres días cheos de deporte que recollen a terceira edición do campeonato de seleccións automómicas, un evento único de escalada de competición para os escaladores máis novos.
Son dez as seleccións autonómicas que confirmaron a súa asistencia ao campeonato, entre elas están: País Vasco, Andalucía, Castela A Mancha, Castela e León, Canarias, Comunidade Valenciana, Asturias, Extremadura, Madrid e Galicia; cun total entre todas elas de 118 participantes.
Unha altísima participación con ata 4 federacións cumplindo o cupo máximo de participantes por federación.
Hai tres formatos de competición: competición de dificultade, de velocidade e en bloque.
Na primeira mencionada, a competición está dividida en dúas fases: por unha beira, a primeira fase de clasificación ou semifinais -mínimo de dúas vías distintas de escalada obrigatoria para cada participante- e, pola outra, segunda fase final -unha única vía na que cada participante farao de primeiro de corda-. No caso da competición de bloque a realización será moi similar á mencionada anteriormente.
Na competición de velocidade, tamén haberá dúas fases, a fase de clasificación ou semifinais, desenvolta nunha soa eliminatoria e a fase final, desenvolta entre unha e tres eliminatorias.
Todos os e as participantes competirán nas tres modalidades e pasarán por cada recorrido. Así mesmo, deberán levar obrigatoriamente o casco de seguridade nas probas de dificultade. Dende a organización tamén se informa que todos os participantes serán sometidos a un test de antíxenos antes de comezar o campeonato e tamén previamente a semifinais e finais.
Programa
O venres 23 de xullo a xornada comezará coa apertura da zona de adestramento e, posteriormente, coa inauguración do campeonato. Ás 10 horas será o inicio da competición de velocidade e, pola tarde, realizarase a clasificación bloque.
O sábado 24 de xullo a apertura da zona de adestramento será ás 8.30 e a competición de dificultade comezará ás 9.30 horas. Xa pola tarde, será o turno da competición de velocidade e en bloque.
Para rematar, o domingo 25 celebraranse as finais e ás 14 horas será a entrega de premios e a clausura do campeonato.