Lugo acolle o foro sobre as novas tecnoloxías no audiovisual
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na apertura das xornadas O futuro das localizacións nas novas tecnoloxías do audiovisual promovidas pola Asociación de Produtoras independentes de Lugo, April, onde puxo en valor a promoción do uso da lingua galega no sector.
Neste primeiro encontro, Valentín García destacou o traballo do audiovisual en máis dunha vintena de novas producións de cine e televisión cofinanciadas pola Xunta con preto de 3 millóns de euros. Trátase, tal e como subliñou, da liña de axudas con maior orzamento das nove destinadas en 2024 a este sector, que suman unha achega de 6,7 millóns de euros para apoiar as distintas fases que van desde o inicio do proceso creativo á chegada ás pantallas, pasando pola rodaxe, difusión ou comercialización, entre outras.
No marco destas xornadas, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia da colaboración do Goberno galego con este tipo de iniciativas “que fomentan o crecemento dos profesionais galegos que traballan neste eido, tanto pola súa proxección no noso territorio, como de cara ao exterior”.
Ademais, Valentín García tamén agradeceu o traballo da asociación “na procura de propostas que amosen o potencial da nosa Comunidade de cara a ser escenario de filmes, series de ficción, documentais ou anuncios publicitarios”. Deste xeito, fixo fincapé no importante labor de difusión da lingua galega que “institucións como a vosa leva a cabo”.
O futuro das localizacións nas novas tecnoloxías do audiovisual recibe, no auditorio do Multiusos da Xunta en Lugo, a máis de 80 empresas do audiovisual galego. Nos simposios programados para esta xornada, afondarase en diversas cuestións que teñen que ver co futuro dos lugares físicos de gravación respecto ás novas tecnoloxías como son, os platós virtuais ou a intelixencia artificial.