Lugo acolle o 'Funtastik No Limits' como gran parque multiaventura no Pazo de Feiras

LugoXa
A proposta lúdica e educativa desenvolverase do 20 de febreiro ao 1 de marzo con actividades para centros e público xeral
Funtastik-Lugo
12 Feb 2026

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo converterase a partir do 20 de febreiro no escenario do Funtastik No Limits, unha iniciativa de carácter lúdico e formativo que transformará o recinto no maior parque multiaventura de Galicia durante varias xornadas. A presentación do programa tivo lugar na Delegación Territorial, nun acto no que participou o delegado territorial, Javier Arias, xunto con representantes da empresa promotora e do propio Pazo de Feiras.

O evento celebrarase os días 20, 21, 22, 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo, cun horario de apertura de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas. As sesións dos días lectivos estarán dirixidas a centros educativos e colectivos asociativos, mentres que as fins de semana se reservarán para a asistencia do público en xeral.

Ao longo destas datas, o recinto feiral lucense ofrecerá múltiples propostas orientadas a fomentar a creatividade, o pensamento crítico e a actividade física, tanto en nenos como en adultos. Entre as actividades previstas figuran espazos de construción, inchables, áreas de salto con grandes estruturas, percorridos de obstáculos e mesmo unha pista de patinaxe ecolóxica, entre outras alternativas de lecer activo.

A programación inclúe tamén un obradoiro de comunicación impartido pola asociación lucense MásDebate, así como unha zona temática dedicada a Los Pitufos. Neste espazo desenvolverase a iniciativa Mercar con Sentido, centrada na promoción do consumo responsable e de proximidade e na difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A actividade artéllase a través de dinámicas con fichas ilustradas, mensaxes formativas, desafíos para realizar en familia e contidos audiovisuais. Ademais, os centros participantes contarán cunha acción formativa específica e cunha guía didáctica para continuar o traballo nas aulas.

Os colexios interesados en participar deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a reserva a través do teléfono 617 317 352 ou do correo electrónico funtastiknolimits@gmail.com. As entradas para centros educativos contarán cun desconto do 50%, polo que o prezo quedará fixado en 5 euros.

Desde a organización amosan a súa confianza en que a cita acadará unha ampla resposta de público e xa avanzan a súa intención de regresar a Lugo en febreiro do próximo ano.

⚙ Configurar cookies
0.084297895431519