Lugo acolle a primeira fin de semana de mes a sexta edición do Cross Nacional Ponte Romana
A sexta edición do Cross Nacional Ponte Romana desenvolverase os días 4 e 5 de novembro na contorna do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Este evento está incluído no calendario oficial da RFEA e conta coa colaboración e o patrocinio institucional do Concello de Lugo, Deputación de Lugo e Secretaría Xeral para o Deporte.
A distancia absoluta masculina e feminina será de 5 quilómetros debido ao apertado do calendario con campionatos importantes a fin de semana anterior e posterior a este cros. O programa de competicións ofrecerá probas para todas as idades.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou na presentación da proba, da que destacou o nivel dos atletas participantes e o elevado número de inscritos nas diferentes categorías -a organización agarda que sexan arredor de 800 -.
Arias felicitou aos organizadores polo seu traballo para “consolidar esta cita como unha referencia no campo a través en Galicia e no noroeste peninsular”; e gabou tamén a decisión de homenaxear este ano á atleta lucense Alessandra Aguilar por todos os éxitos acadados durante a súa traxectoria deportiva.