Lugo acolle o Motoxubileo, unha ruta motera solidaria a favor da loita contra o cancro infantil

LugoXa
A cita motera solidaria percorrerá a N-VI ata O Cebreiro o domingo 4 de febreiro para recadar fondos e dar visibilidade á loita contra o cancro infantil
Motoxubileo-2024
2 Jan 2026

Lugo converterase o domingo 4 de febreiro no epicentro dunha mobilización solidaria sobre dúas rodas coa celebración do Motoxubileo, unha iniciativa que unirá a paixón polo motociclismo co compromiso social. A convocatoria reunirá a centos de motoristas que participarán nunha ruta con finalidade benéfica para apoiar a asociación SOMOS. Unidos polo cancro, centrando os esforzos na loita contra o cancro infantil.

O Motoxubileo preséntase como moito máis ca unha simple ruta motera, xa que nace coa vontade de crear un espazo de convivencia, concienciación e axuda directa. Nesta edición, a organización destinará integramente a recadación procedente das rifas solidarias, do chocolate con churros e das achegas económicas realizadas por empresas de Lugo a esta causa solidaria.

A xornada arrancará ás 10:00 horas no aparcadoiro do Auditorio Gustavo Freire, onde se celebrará o almorzo solidario con chocolate con churros, acompañado dun photocall baixo un arco inchable e dunha rifa con diversos artigos doados por empresas e particulares, entre eles unha camiseta asinada por todos os xogadores do Breogán e material motero. Ademais, a Fundación Breogán exercerá como padriña do evento, coa presenza de Máximus, a mascota do club, que animará a mañá e participará no sorteo e nas fotografías cos asistentes.

Ás 11:30 horas terá lugar a saída oficial da ruta, na que a caravana solidaria percorrerá a Nacional sexta atravesando paisaxes da montaña dos Ancares, combinando a espectacularidade do percorrido coa esencia solidaria do evento. Está prevista unha parada técnica ás 12:40 horas no miradoiro da Torre de Doncos, antes de continuar cara a O Cebreiro, onde os participantes chegarán arredor das 13:00 horas para realizar unha visita e compartir un café.

A xornada pecharase cunha comida de confraternización ás 14:30 horas no restaurante do cámping de Sarria, poñendo o broche final a un día no que o mundo motero demostrará, unha vez máis, que a solidariedade tamén sabe rodar sobre dúas rodas.

0.11958599090576