Lugo acolle o primeiro gran encontro de acordeonistas con 12 agrupacións e dous solistas

Este sábado, 29 de novembro, Lugo será escenario do primeiro ‘Gran encontro de acordeonistas’, unha cita que contará con 12 agrupacións e dous solistas e que se enmarca nos actos de celebración do 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, promovida pola Delegación Territorial da Xunta en Lugo.
O encontro comezará ás 12,00 horas coa actuación conxunta de máis de 160 acordeonistas procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo. Xa pola tarde, a partir das 17,00 horas, as formacións volverán subir ao escenario, pero nesta quenda actuarán por separado.
O grupo de acordeóns Terras do Miño, representado por Javier Arias, Begoña López, José María Alonso e Isidro Castro, organiza o acto en colaboración co Goberno galego.
Javier Arias agradeceu á agrupación Terras do Miño, integrada por lucenses maiores de 60 anos, o traballo realizado “para dar forma a este orixinal e grande espectáculo musical” e convidou á cidadanía a participar neste concerto, “que nos conecta coa nosa cultura, co noso patrimonio inmaterial e co espírito de celebración destes 25 anos da Muralla como símbolo universal”.