Lugo acolle o próximo sábado unha xornada técnica sobre o porco celta

LugoXa
A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) ofrecerá o sábado 25 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a súa V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia.
porco celta
19 Nov 2023

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) ofrecerá o sábado 25 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a súa V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia.

Para a celebración do quinto aniversario da organización destas sesións formativas sobre a raza porco celta, que volverá presentar o xornalista Manuel Cruz, Asoporcel ofrecerá dúas charlas técnicas e unha mesa redonda.

Na primeira intervención, o socio fundador de SIP Consultors Pep Font profundará nas ferramentas para o cálculo do rendemento económico das granxas de porcino. Na segunda conferencia, o responsable de comedores na área de Innovación de Inditex Senén Barral ofrecerá unha charla centrada na restauración sostible para colectividades como vía para o apoio ás razas autóctonas.

Así mesmo, a mesa redonda, que tratará o futuro das razas porcinas españolas en perigo de extinción e estará moderada pola xornalista María Cedrón, contará coa participación de portavoces de cinco das principais asociacións de razas porcinas minoritarias de España.

Ao final das sesións, terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos un xantar de traballo ao que están convidados todos os asistentes.

A asistencia é gratuíta, pero é necesario realizar inscrición previa. As persoas interesadas en asistir pódense anotar chamando ao 982 226 252 antes do 22 de novembro ás 14:00 horas.

xornada tecnica porco celta en galicia lugo
0.20265102386475