Lugo acolle o XV Taller de Nutrición en pacientes con enfermidade renal crónica

LugoXa
O alcalde preside a inauguración dun encontro de ámbito nacional con expertos en nefrología e nutrición
O-Vello-Cárcere-fachada
10 Apr 2026

O Vello Cárcere acolle o “XV Taller de Nutrición en pacientes con enfermidade renal crónica”, que estará presidido polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, este venres 10 de abril ás 17.00 horas, xunto co deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, a representante da Sociedade Española de Nefrología (SEN) e o director do taller, o Dr. Secundino Cigarrán, do Hospital Ribera Polusa de Lugo, cunha organización avalada cientificamente.

O taller, de ámbito nacional, reúne a destacados médicos nefrólogos, investigadores e nutricionistas. Entre os participantes salientan o Dr. Aleix Cases Amenós, do Hospital Clínic Universitari de Barcelona, que abordará a importancia da microbiota na nutrición do paciente renal; a Dra. María Luisa González Casaus, do Hospital Universitario La Paz de Madrid, sobre a dieta adecuada para suplementar vitamina D; a Dra. Carolina Gracia Iguacel, do Hospital Fundación Jiménez Díaz de Madrid, sobre a situación nutricional do paciente renal; e a Dra. Minerva Rodríguez, do Hospital Universitario Central de Asturias, que falará de dieta, vitaminas e minerais na enfermidade renal.

Tamén estarán presentes destacados profesionais da nefrología galega, como o Dr. Secundino Cigarrán, que impartirá o taller sobre a importancia da fibra na dieta, o Dr. Juan LaTorre Catalá, nutricionista do Hospital da Costa en Burela, a Dra. Mª Ángeles Romero Rodríguez, catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC, o Dr. Diego Bellido do Servizo de Endocrinoloxía do CHUF, e a Dra. Ana Mª Sanjurjo Amado da Unidade ACERCA do Hospital da Costa en Burela.

0.11894297599792