Lugo acolle por primeira vez o DéporCampus Cabreiroá coa colaboración da ADC Sagrado Corazón

A Casa do Concello de Lugo acolleu a presentación oficial do DéporCampus Cabreiroá, unha iniciativa organizada pola Fundación RC Deportivo que, por primeira vez, se celebrará na capital lucense.
A actividade deportiva contará coa colaboración da entidade local ADC Sagrado Corazón e permitirá que rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos poidan participar nun campus específico de fútbol dirixido por técnicos da recoñecida canteira do RC Deportivo da Coruña, unha das máis prestixiosas do panorama estatal.
Na presentación estiveron presentes a concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana Abelleira, quen recibiu ao responsable da Fundación RC Deportivo, Alejandro Vidal, ao coordinador do Programa Local da Fundación, Sergio Maurente, e ao presidente da ADC Sagrado Corazón, Jacobo Gómez.
Desde a Fundación RC Deportivo destacouse o bo ritmo das inscricións, que xa superan o medio cento de prazas cubertas, un dato especialmente relevante tendo en conta a ampla oferta de campus deportivos prevista para esas datas. Isto permite prever un éxito notable para esta primeira edición en Lugo.
As inscricións permanecerán abertas ata as 14:00 horas do martes 17 de xuño ou ata esgotar as prazas dispoñibles. Para máis información ou para formalizar a inscrición, as persoas interesadas poden acceder á web do club e á páxina oficial do campus.