A EPSE acolle un Almorzo Agrícola para analizar os retos e oportunidades do rural
O Colexio Oficial de Enxeñería Agrícola de Lugo organizou un Almorzo Agrícola co lema 'Coidando da terra, coidamos da xente', celebrado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
O evento, que se enmarcou no encontro do Consello Xeral de Enxeñería Agrícola de España, reuniu a representantes do sector para reflexionar sobre os desafíos e as oportunidades do medio rural.
O foro tivo como obxectivo fortalecer a relación entre a enxeñería agrícola e a provincia, fomentar sinerxías e sensibilizar sobre a importancia de achegar o rural á sociedade.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou a importancia do sector agrícola no desenvolvemento rural de Galicia e o seu papel clave no crecemento de Lugo. “O noso municipio, eminentemente rural, precisa de talento, innovación e formación para seguir avanzando. E aí é onde a enxeñería agrícola ten moito que achegar”, afirmou Alvarellos.
A rexedora puxo en valor tamén a labor do Campus Terra e da Escola Politécnica Superior no progreso da provincia, facendo fincapé na súa contribución á modernización das explotacións gandeiras e á investigación aplicada ao agro. “O traballo dos expertos deste campus marcou o camiño para que o noso sistema primario se modernice e poida competir en estándares de calidade e sustentabilidade”, sinalou.
Un dos aspectos resaltados por Alvarellos foi o crecemento das titulacións relacionadas co sector, como a Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, e o dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Forestal, que experimentaron un notable aumento de estudantes nos últimos anos. “Este incremento amosa que existe interese por formar parte do futuro do rural, e iso é unha oportunidade para Lugo”, engadiu a alcaldesa.
APOIO DO CONCELLO DE LUGO
Alvarellos tamén mencionou o compromiso do Concello coa retención e captación de talento vinculado ao agro, citando como exemplo a empresa lucense Innogando, que naceu nos viveiros municipais do CEI-NODUS e que actualmente está expandíndose a nivel nacional.
A rexedora lembrou que iniciativas como Lugo Transforma, cun investimento de 13 millóns de euros, buscan atraer e consolidar proxectos empresariais que diversifiquen a economía do municipio. "O sector primario non está rifado coa vangarda nin coas novas tecnoloxías. Ao contrario, innovación e tradición deben ir da man para garantir o futuro do rural", concluíu.
Este encontro foi un paso máis para fortalecer o vínculo entre a enxeñería agrícola e o desenvolvemento rural de Lugo, á vez que se subliñou a importancia da innovación para garantir a sustentabilidade e competitividade do sector.
APOIO DA DEPUTACIÓN DE LUGO
O deputado de Rural da Deputación de Lugo, Daniel García destacou a relación de colaboración tecido ao longo destes anos co colexio profesional, que conta cunha subvención nominativa anual de 5.000 euros para financiar actividades de formación.
“Parécenos fundamental que o colectivo profesional agrario conte con recursos para acompañar e asesorar ao sector agrogandeiro nun momento en que temos que dar resposta a cuestións do día a día como a complexidade dos procedementos burocraticos e tamén desafíos estruturais como o cambio climático,a crise enerxética ou as mudanzas nas relacións comerciais a nivel global”, explicou o responsable provincial.
Daniel García aproveitou a ocasión para recoñecer e agradecer o forte compromiso da directiva do Colexio e do seu presidente Marcos Vázquez, que dan a remuda a unha nova equipo á fronte da entidade, lembrando os programas e iniciativas da área de Rural nos que colaboraron como o programa de formación rural Da Escola á Granxa ou a organización da mostra gandeira do San Froilán ExpoLugo A Rural.