Lugo acolle un concerto en homenaxe ao pintor Manuel Gulín

O Orfeón Lucense e o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo organizan un concerto de corais en homenaxe ao pintor Manuel Gulín este venres, ás 20.00 horas.
O tributo terá lugar no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e a entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.
Durante o acto, os presidentes de ambas agrupacións, Xulio Xiz e Ángel Trabada lembrarán o compromiso de Gulín coas corais homenaxeadas, das que formou parte, mentres que o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacará a súa contribución como responsable do departamento de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Na parte musical, a Coral da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago será dirixida por Esperanza Iglesias, mentres que Marcos Manuel Fernández estará á fronte do Orfeón Lucense.
Manuel Gulín, nado en Ribadavia, pasou boa parte da súa vida en Lugo, onde faleceu en setembro de 2023. Figura destacada na escena cultural da provincia, o artista exhibiu a súa obra en numerosas exposicións individuais e colectivas e colaborou activamente como membro de xurados en certames culturais, como o do Belén de Begonte ou os organizados pola Biblioteca Pública Provincial.