Lugo acolle un debate sobre a relación entre cidade e universidade con representantes políticos

LugoXa
A Facultade de Formación do Profesorado acolle un debate sobre a relación entre cidade e universidade con representantes políticos
maxisterio Lugo
12 Abr 2023

Os grupos políticos con representación no Concello de Lugo debaterán este xoves, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado, sobre cuestións que afecten á vida universitaria, no marco dunha sesión que será retransmitida en directo dende a canle oficial de YouTube da USC , e a través da que se pretende atender a demanda da comunidade universitaria de trasladar as súas cuestións e suxestións aos seus representantes políticos con vistas ás eleccións municipais que se desenvolverán o 28 de maio.

O debate, moderado polo xornalista Lois Caeiro, estará estruturado en catro bloques e terá unha duración aproximada de 90 minutos. Así, logo da presentación inicial, a primeira parte do coloqio xirará arredor da relación institucional, é dicir, propostas para a simplificación das relacións institucionais no eido da xestión entre administracións e para a dinamización das interaccións entre tecido empresarial, cidade e universidade. A continuación, o faladoiro pasará a abordar propostas de convivencia dos desprazamentos da comunidade universitaria, dende unha perspectiva sustentable, cos plans de mobilidade da cidade.

A vivenda será o eixo sobre o que se artellará o terceiro dos bloques. Así os e as representantes da vida política poderán profundar en propostas para facilitar acceso á vivenda de aluguer na cidade. O debate pecharase cunha quenda libre durante a que cada participante poderá cerrar a súa intervención facendo un resumo de propostas. Ademais, repartiranse papeis ás persoas asistentes para que poidan escribir as súas preguntas, que formulará o moderador nunha rolda aberta de quince minutos.

En cada un dos bloques, cada intervención individual terá unha duración de tres minutos. O acceso para asistir de xeito presencial é libre ata completar o aforo.

0.17059803009033