Lugo acolle un encontro coa activista palestina Jaldía Abubakra no Vello Cárcere

LugoXa
A charla, organizada pola plataforma Lugo por Palestina, abordará a situación en Gaza e o movemento internacional de solidariedade co pobo palestino
O-Vello-Cárcere-fachada
13 Mar 2026

Lugo por Palestina organiza un encontro aberto ao público coa activista palestina Jaldía Abubakra no Vello Cárcere de Lugo ás 19.00 horas.

Durante a sesión, Abubakra responderá ás preguntas das persoas asistentes e analizará diferentes cuestións relacionadas coa situación en Palestina e no conxunto de Oriente Próximo.

Entre os temas previstos figuran a realidade na Franxa de Gaza tras o alto o fogo, o estado actual do movemento internacional de solidariedade co pobo palestino, os plans da denominada “xunta de paz” impulsada polo presidente estadounidense Donald Trump ou as posibles consecuencias para Palestina da actual tensión e agresión contra Irán.

Jaldía Abubakra naceu en Gaza e é filla de refuxiados procedentes de Bir al-Saba, territorio que pasou a formar parte do Estado de Israel tras os acontecementos de 1948. Defensora dos dereitos humanos, é fundadora do movemento de mulleres palestinas Alkarama e exerce como coordinadora no Estado español de Samidoun. Ademais, forma parte do comité executivo de Masar Badil.

Ao longo da súa traxectoria participou en diversas iniciativas destinadas a denunciar o bloqueo sobre Gaza. Entre elas figuran a Flotilla de Mulleres rumbo a Gaza 2016 e, máis recentemente, a Global Sumud Flotilla. A activista tamén colabora en campañas internacionais de boicot a Israel e participa en distintos colectivos feministas e movementos sociais na cidade de Madrid.

0.11877298355103