Lugo acolle un evento de Deporte de Contacto este venres, 30 de maio

LugoXa
A cidade será escenario dun seminario de Muay Thai con Desirée Rovira e dunha noite de humor e festa aberta ao público
Deporte-de-Contacto-en-Lugo
26 May 2025

Este venres 30 de maio, Lugo converterase no epicentro do deporte de contacto a nivel estatal coa celebración do evento especial que marca os 20.000 subscritores do canal de YouTube Deporte de Contacto, unha canle que pon o foco en protagonistas, adestradores e afeccionados. A cita, aberta a todo o público, combinará deporte, humor e celebración en dous escenarios da cidade.

A xornada arrincará ás 17:30 horas no club Free Dojo, na rúa Antonio Rosón, cun seminario de Muay Thai impartido por Desirée Rovira, campioa do mundo e referente internacional desta disciplina. Rovira compartirá os seus coñecementos nun adestramento dirixido tanto a practicantes como a amantes do deporte, nunha sesión que promete intensidade, técnica e moita paixón.

A celebración continuará pola noite na Sala Rococó, cunha festa a partir das 23:00 horas para conmemorar o crecemento do canal. A entrada será totalmente gratuíta e o evento contará coa presenza de creadores de contido, seguidores e figuras destacadas do mundo do deporte de contacto. Ás 00:00 horas, o cómico e actor galego Pepo Suevos engadirá o seu toque de humor cun monólogo pensado para arrincar gargalladas e poñer o broche á noite.

Durante toda a xornada haberá gravacións, entrevistas e contido especial que se compartirá en redes e no propio canal, facendo desta celebración unha experiencia inmersiva para a comunidade. Lugo convértese así no lugar escollido para un encontro que mestura deporte, entretemento e comunidade, e que pon en valor o traballo dun proxecto que medra grazas ao apoio das persoas que o seguen.

Desde Deporte de Contacto fan un chamamento á difusión e á participación, agradecendo o apoio a iniciativas que apostan por construír espazos de encontro e paixón arredor do deporte.

⚙ Configurar cookies
0.17861914634705