Lugo acolle unha exposición polos 40 anos de Amnistía Internacional

LugoXa
A mostra repasa catro décadas de loita polos dereitos humanos e poderá visitarse ata o 24 de abril
Exposición-Amnistia--internacional-Lugo
13 Apr 2026

A sede da Xunta en Lugo acolle unha exposición que conmemora o 40 aniversario da creación do grupo de Amnistía Internacional na provincia, unha iniciativa que se poderá visitar ata o venres 24 de abril. A mostra ofrece un percorrido polos principais casos nos que participou o colectivo ao longo destas catro décadas, a través de materiais como recortes de prensa, imaxes e cartas remitidas tanto polas persoas afectadas como polas súas familias.

A inauguración contou coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e de Carlos Fernández, un dos integrantes do grupo desde a súa creación. A exposición propón un itinerario cronolóxico que arrinca en decembro de 1986 e recolle as distintas causas nas que traballaron, centradas na defensa da liberación de presos de conciencia e na denuncia de vulneracións de dereitos en diferentes países.

Entre os documentos expostos destaca unha carta enviada polo que foi arcebispo de Bos Aires, Jorge Mario Bergoglio, trece anos antes de converterse no Papa Francisco. Tanto el como o grupo lucense implicáronse na defensa do sacerdote Antonio Puigjané, quen permaneceu encarcerado de maneira inxusta na Arxentina durante trece anos.

A mostra, que conta coa colaboración do xornal El Progreso, inclúe tamén outros casos nos que o colectivo prestou apoio a persoas en países como Cuba, Guinea Ecuatorial, Brasil ou República Dominicana. Ademais, recolle accións de protesta e sensibilización organizadas en Lugo, desde a condena á matanza de Tiananmen en 1989 ata mobilizacións máis recentes contra a actuación do ICE nos Estados Unidos o pasado mes de marzo.

Esta exposición, que nos vindeiros meses se trasladará a outros puntos da provincia, marca o inicio das actividades conmemorativas do aniversario. Dentro desta programación, esta fin de semana celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a 52 Asemblea Xeral da Federación da sección española de Amnistía Internacional, un encontro ao que está prevista a asistencia de arredor de 200 persoas e que xa tivo lugar na provincia nos anos 1990 e 2006.

0.12239694595337