Lugo acolle unha exposición sobre Rosalía de Castro que reivindica a súa vixencia

Este xoves 2 de outubro, ás seis da tarde, o Salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo será escenario da inauguración da exposición 'Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe'. A iniciativa, organizada por Galiza Cultura coa colaboración da Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo, recolle vinte paneis con textos de Francisco Rodríguez e ilustracións de Pepe Carreiro.
A mostra afonda na biografía de Rosalía de Castro, no contexto histórico e social no que desenvolveu a súa creación literaria e na relevancia e actualidade dos seus textos. O proxecto busca poñer en valor a figura dunha autora que, como subliñan os organizadores, foi “unha muller consciente do seu tempo e do seu país, que defendeu o dereito de galegos e galegas a termos unha literatura propia e moderna”.
Na inauguración participará Francisco Rodríguez, autor dos textos que acompañan os paneis e especialista recoñecido na obra e na figura da escritora. A exposición permanecerá aberta ata o 31 de outubro e conta co convite da Asociación Estudantado do Cuarto Ciclo do Campus de Lugo a toda a cidadanía para achegarse a coñecer este percorrido pola vida e legado de Rosalía.