Lugo acolle unha formación profesional de nivel básico para a aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios

LugoXa
A Oficina Agraria Comarcal de Lugo celebrara unha formación profesional de nivel básico na aplicación de produtos fitosanitarios
fitosanitario fumigar
6 sep 2022

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo celebrara no Edificio multiusos da Xunta de Galicia unha acción de formación profesional de nivel básico na aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios. O obradoiro terá lugar do día 12 ao día 19 de setembro en horario de tarde, dende as 16:00 ata as 20:30 horas.

Este obradoiro aborda aspectos teóricos e prácticos e busca formar aos alumnos no relativo á normativa nacional relacionada co uso sostible dos fitosanitarios en explotacións agrícolas. Ademais, os asistentes poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso que os agricultores consigan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar. Así mesmo, tamén se pretende que os asistentes estean capacitados para obter o carné de aplicador de nivel básico necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Tamén nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 934, ou enviarse un correo a oac.seca.lugo@edu.xunta.gal.

0.19637799263