Lugo acolleu unha mesa de traballo sobre a mobilización e xestión do espazo agroforestal

LugoXa
Especialistas de distintos ámbitos analizaron os desafíos da xestión da terra en Galicia e formularon propostas para reforzar o uso produtivo e sostible do territorio
Foro-Territorio-Rural-Resiliente-Lugo
18 Mar 2026

A mobilización e a xestión activa do espazo agroforestal centraron en Lugo unha das mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, un proceso de reflexión colectiva que reúne persoas expertas e representantes de diferentes ámbitos co obxectivo de analizar os principais desafíos do rural galego e propoñer posibles liñas de actuación.

O encontro celebrouse no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo, nunha sesión titulada “Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal”. Na xornada participaron especialistas procedentes dos ámbitos académico, institucional e profesional vinculados ao territorio rural.

Durante a sesión analizáronse as principais dificultades que condicionan a xestión das terras agrarias e forestais en Galicia, así como as oportunidades existentes para impulsar o seu aproveitamento produtivo e sostible. O debate centrouse especialmente nos instrumentos e políticas que poden favorecer a mobilización de terras infrautilizadas, reforzar a actividade agraria e forestal e mellorar a organización do territorio.

Esta mesa de traballo forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O obxectivo do foro é contribuír á construción dun territorio rural máis activo e resiliente fronte aos incendios, capaz de afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais mediante unha mellora da ordenación e da xestión territorial.

As mesas de traballo constitúen o eixo central deste proceso participativo. En cada unha delas participan entre 15 e 20 persoas expertas e representantes de distintos sectores vinculados ao rural, que analizan os retos existentes e formulan propostas orientadas a mellorar a xestión do territorio.

As conclusións que xurdan destas sesións, xunto coas da segunda rolda de encontros prevista entre o 21 e o 24 de abril na Fundación Juana de Vega, servirán de base para o debate final do Foro Territorio Rural Resiliente, que se celebrará o 28 de maio en Santiago de Compostela e no que se presentarán as principais recomendacións e liñas de acción derivadas do proceso.

Tras a reunión celebrada en Lugo, os especialistas destacaron a importancia de impulsar a remuda xeracional para garantir unha xestión activa do territorio. Tamén puxeron en valor o papel dos Montes Veciñais en Man Común como recurso territorial e subliñaron a necesidade de activar instrumentos que permitan recuperar terra agraria.

Esta sesión forma parte dunha serie de encontros temáticos que se están a desenvolver en distintos puntos de Galicia co obxectivo de analizar de maneira conxunta os retos do territorio rural e avanzar cara a propostas compartidas que contribúan a mellorar a súa xestión e reforzar a súa resiliencia no futuro.

0.11475896835327