Lugo acolle unha nova edición de Versos na Barraca coa participación de destacadas voces da poesía galega

LugoXa
A programación, presentada por Rubén Arroxo, conta co apoio da Deputación de Lugo e celebrarase todos os xoves de xullo na praza da Mosqueira
Versos-na-Barraca-Lugo
9 Jul 2025

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, presentou a programación da edición 2025 de Versos na Barraca, unha actividade poética que volverá converter a praza da Mosqueira nun espazo de encontro entre música e palabra durante todos os xoves de xullo ás 20:00 horas. Esta proposta cultural está financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e pola Tenencia de Alcaldía.

Segundo explicou Arroxo, trátase dunha serie de espectáculos que combinan música en directo con narración oral e que contarán coa dirección artística de Lois Pérez. Durante catro noites, a cidade acollerá a figuras destacadas da poesía galega nun programa que mestura creación literaria, sensibilidade e reflexión colectiva.

A programación comezará o 10 de xullo con "Anos vinte século vinte e un", un recital a cargo de Abraham Pérez e Beatriz Dourado, que ofrecerán unha homenaxe á poesía lucense cunha visión universal.

O 17 de xullo será a quenda de Chus Pato e Yolanda Castaño co espectáculo "O premio era o verso", onde afondarán na relectura da realidade a través da palabra poética.

O 24 de xullo, Antón Reixa, Xosé Manuel Pereiro e Pedro Granell protagonizarán "Un furioso silencio", unha proposta marcada pola transgresión e a irreverencia.

Pecharán o ciclo Dores Tembras e Antía Otero, o 31 de xullo, con "A década das abellas", un recital que conmemora dez anos de poesía comprometida e coidada.

⚙ Configurar cookies
0.17383813858032