Lugo acolle unha xornada sobre a abordaxe integral do paciente oncohematolóxico

LugoXa
O Museo MIHL será escenario o 19 de febreiro dunha mesa redonda aberta á cidadanía e declarada de interese sanitario pola Xunta
lugo-mihl-museo
5 Feb 2026

O Museo Interactivo da Historia de Lugo acollerá o vindeiro 19 de febreiro, a partir das 19:30 horas, unha xornada centrada na abordaxe integral do paciente oncohematolóxico, unha iniciativa que busca poñer o foco nunha atención global que teña en conta tanto os aspectos clínicos como humanos da enfermidade.

O encontro está aberto á participación de pacientes, familiares, profesionais sanitarios, estudantes, persoas voluntarias e público en xeral interesado nesta realidade.

A xornada, declarada de interese sanitario pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, contará cunha mesa redonda na que intervirán profesionais de referencia do ámbito sanitario. Entre elas atópanse Begoña Campos Balea, xefa de sección do Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti; Antía Iglesias Mella, adxunta ao Servizo de Coidados Paliativos e HADO do mesmo centro hospitalario; Diana Martínez Señaris, adxunta ao Servizo de Hematoloxía do HULA; Jennifer Carreira Pereira, médica de Atención Primaria no Centro de Saúde de Palas de Rei; e Rocío Sánchez de Enciso Expósito, enfermeira xestora no Centro de Saúde Illas Canarias.

A mesa estará moderada pola xornalista Marta Menán, do diario El Progreso, coordinadora do suplemento Saúde, e pretende xerar un espazo de diálogo no que se poña en valor o papel conxunto dos distintos profesionais implicados no acompañamento das persoas con cancro e das súas familias.

A iniciativa está organizada pola asociación Unidos por el Cáncer Somos, conta co aval científico da Fundación SOG e coa colaboración do Concello de Lugo, da Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia e da Xunta de Galicia.

Dende a organización destacan que todos poden achegar, sexan pacientes ou familiares, persoal sanitario ou persoas interesadas, e animan á cidadanía a participar activamente nesta xornada de reflexión e intercambio.

⚙ Configurar cookies
0.082671165466309