Lugo acolle unha xornada sobre intelixencia artificial no coidado de maiores

LugoXa
Máis de 50 profesionais analizan experiencias innovadoras e os retos éticos da tecnoloxía nos servizos sociais
Xornadas-IA-aplicada-a-servizos-sociais-Lugo
13 Mar 2026

O Pazo de San Marcos de Lugo acolle unha xornada sobre as aplicacións da intelixencia artificial no coidado das persoas maiores. Baixo o título O marco da atención ás persoas maiores: análise de experiencias disruptivas e do emprego de sistemas IA, este encontro técnico, organizado pola Deputación e a Fundación Democracia e Goberno Local, reuniu a máis de 50 profesionais relacionados coa xeriatría e a xerontoloxía.

A xornada incluíu seis conferencias e coloquios nos que traballadoras sociais, técnicos municipais, persoal de centros de día, educadores sociais e responsables de entidades sociais abordaron diferentes sistemas de xestión da atención, IA e dereitos das persoas maiores. Durante a mañá analizaronse a tipoloxía de competencias, a taxonomía de servizos, a súa análise económica e o modelo de atención da Deputación de Lugo, con intervencións de Lidia García Martín, Mónica Legaspi Díaz e José Juan Cerdeira Lois.

Na segunda parte, Silvia García López, xefa do Servizo de Benestar e Igualdade da Deputación de Lugo, explicou o sistema innovador de atención aos maiores da institución lucense; José Luis Domínguez Álvarez reflexionou sobre oportunidades e desafíos da IA nos servizos asistenciais; e Anxo Varela Hernández abordou as garantías dos dereitos fundamentais das persoas maiores na recepción de servizos baseados en IA.

O deputado Rivera Capón destacou que “levamos anos apostando por un modelo de servizos sociais baseado na proximidade, na calidade e na equidade. Xestionamos directamente os nosos Centros de Atención a Maiores, investimos en profesionais e coidados; e agora temos a responsabilidade de preguntarnos como a tecnoloxía pode reforzar ese modelo”.

Subliñou que na Deputación “traballamos con persoas maiores que necesitan coidados e familias en situación de vulnerabilidade” nunha provincia “extensa, envellecida e con moitos municipios pequenos e dispersos”. Neste contexto, a intelixencia artificial ofrece “posibilidades que hai poucos anos serían impensables”, como sistemas que detectan dependencia, ferramentas que melloran a xestión das listas de agarda ou algoritmos que optimizan a asignación de recursos.

Ao mesmo tempo, o deputado advertiu das preguntas éticas que xorde este novo escenario: “quen decide o algoritmo? Que pasa coas persoas que quedan fóra dos patróns? Como garantimos que a automatización non produza desigualdades? Como protexemos a privacidade das persoas vulnerables?”. “Esta xornada importa, non só para aprender o que a intelixencia artificial pode facer por nós, senón para decidir colectivamente como queremos que o faga”, engadiu.

José Luis Moreno, xerente da Fundación Democracia e Goberno Local, subliñou que a intelixencia artificial "xa mellora a calidade de vida, a seguridade e a autonomía das persoas maiores, ao mesmo tempo que combate a soidade non desexada e o esgotamento dos coidadores".

0.12996101379395