Lugo acollerá a asemblea anual das festas históricas cun desfile multitudinario polo centro

LugoXa
Máis de 40 colectivos de toda España participarán nun encontro que reforza a proxección do Arde Lvcvs no seu 25 aniversario
Arde-Lucus-2025-xente
6 Apr 2026

A área de Xuventude do Concello de Lugo ultima os preparativos para a celebración na cidade da asemblea anual da Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas, unha entidade que agrupa a 61 colectivos de recreación de toda España. O encontro reunirá a máis de 40 destas asociacións e arredor de 130 persoas chegadas de fóra de Lugo, ás que se sumarán integrantes dos grupos locais.

As actividades darán comezo o venres 17 de abril cun acto de recepción no Vello Cárcere, que servirá como primeira toma de contacto entre os participantes. A xornada central terá lugar ao día seguinte, coa celebración da asemblea anual ordinaria no salón regio do Círculo das Artes, onde se abordarán cuestións como o balance de actividades, a incorporación de novas festas á asociación ou o estado económico da entidade. Ademais, tamén se celebrará unha asemblea extraordinaria na que se elixirá a nova xunta directiva para os vindeiros catro anos.

O edil responsable destacou que este encontro suporá “unha fin de semana especial, con reunións clave para estes colectivos”, ao tempo que subliñou que permitirá dar maior visibilidade ao Arde Lvcvs e aos seus 25 anos de traxectoria. Bustos puxo en valor que esta celebración forma parte das catro festas integradas na asociación que contan coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional, o que reforza a relevancia do evento que agora se celebra en Lugo tras dous anos de preparación.

Un dos momentos máis destacados da fin de semana será o desfile multitudinario que percorrerá as rúas do centro histórico ata rematar na Mosqueira. Nel participarán decenas de grupos representando máis de 40 festas de recreación histórica, organizados segundo unha orde cronolóxica que abranguerá desde as festas iberas, centradas entre o século VI a.c. e o I d.c., ata recreacións contemporáneas como a Reconquista da Vila de Vigo de 1809 ou episodios históricos como o apresamento do xeneral Riego en 1823 en Jaén.

Entre estes períodos estarán tamén representadas celebracións do Medievo, o Renacemento e o Barroco, configurando un percorrido histórico amplo e diverso. Ademais do desfile, a programación incluirá diferentes espectáculos de animación de rúa que contribuirán a dinamizar o ambiente festivo durante toda a xornada.

A organización deste evento implica un amplo despregue loxístico por parte da área de Xuventude, que está a coordinar a adecuación de instalacións municipais, a colaboración co sector hostaleiro para garantir o aloxamento dos participantes e o transporte en autobús para os desprazamentos, incluíndo a asistencia á cea de gala. Este acto será outro dos momentos centrais da fin de semana, xa que os asistentes acudirán vestidos con traxes de época e poderán gozar de diferentes espectáculos de recreación histórica.

0.11987400054932