Lugo acollerá a primeira Feira do Mel de Nadal de AGA o sábado 20 de decembro

LugoXa
A feira permanecerá aberta en horario continuo, de 9:00 a 19:00 horas, e incluirá un programa de actividades divulgativas
Feira-do-Mel-Lugo-Nadal
6 Dec 2025

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) organiza o vindeiro sábado 20 de decembro a 1ª Feira do Mel de Nadal, que terá lugar no Mercado de Abastos de Lugo. Con esta iniciativa, AGA pretende achegar á cidadanía o fermoso mundo das abellas e dos produtos da colmea, ademais de ofrecer a oportunidade de coñecer e degustar algúns dos mellores meles galegos.

A feira permanecerá aberta en horario continuo, de 9:00 a 19:00 horas, e incluirá un programa de actividades divulgativas. Así, celebraranse dúas charlas sobre o mundo apícola e os meles galegos, ás 12:00 da mañá e ás 17:00 da tarde, seguidas dunha cata gratuíta de meles galegos aberta a todos os públicos.

Os postos participantes nesta primeira edición foron seleccionados entre os produtores gañadores e participantes do concurso Mel 5 Estrelas, o certame con maior número de mostras do país e aberto a toda a comunidade apícola galega, pertenzan ou non a AGA. Desta maneira, garantirase que o público asistente poida coñecer unha representación do mel galego de maior calidade, elaborado con esmero, agarimo e bo facer.

A organización destaca tamén o protagonismo especial dos produtores da provincia de Lugo, así como doutros participantes galegos recoñecidos nos últimos anos.

Nun contexto no que a apicultura afronta novos retos e esixencias, AGA subliña a importancia de poñer en valor cada gramo de mel producido e de reivindicar o vínculo esencial entre as persoas apicultoras, as abellas e o territorio. “Para moitas e moitos apicultores galegos, isto é un proxecto de vida, no que adoitan participar familias enteiras, emprendedores e comunidades profundamente ligadas á natureza, que buscan vivir dignamente sen destruír, senón sendo parte indispensable do ecosistema que herdamos”, sinalan desde a asociación.

⚙ Configurar cookies
0.12347102165222