Lugo acollerá a segunda edición da xornada educativa ‘Medrando Xuntas’ con expertos en crianza e educación

LugoXa
O encontro celebrarase o 11 de abril na Facultade de Veterinaria cun programa centrado en familias, docentes e profesionais da infancia
Xunta-Medrando-Xuntas-Lugo
7 Apr 2026

A Xunta de Galicia apoia a celebración da segunda edición da xornada educativa ‘Medrando Xuntas’, que terá lugar o vindeiro 11 de abril no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, consolidándose como un espazo de encontro arredor da educación, a crianza e o desenvolvemento infantil.

O delegado territorial, Javier Arias, e Marta Corral presentaron esta nova convocatoria, que volverá reunir a recoñecidos expertos nestes ámbitos. Entre os participantes destacan Carlos González, pediatra e autor de referencia en crianza, alimentación e saúde infantil; Neus Moya, podóloga e divulgadora en saúde do pé e calzado consciente; Alberto Soler, psicólogo especializado en familia; e Sara Noguera, mestra infantil experta en crianza respectuosa, contoterapia e musicoterapia, que xa participou na primeira edición.

Os catro profesionais ofrecerán relatorios orientados a proporcionar ferramentas prácticas, fomentar a reflexión e crear comunidade entre familias, docentes e profesionais vinculados á infancia. O programa estrutúrase en dous bloques, un de mañá, entre as 9,00 e as 12,45 horas, e outro de tarde, de 14,45 a 18,30 horas.

A continuidade desta iniciativa responde ao éxito acadado na súa primeira edición, na que, segundo os organizadores, quedou patente o interese existente en Lugo por este tipo de propostas, cun público que busca información de calidade e espazos de acompañamento.

Durante a presentación, Javier Arias animou ás familias, ao profesorado e aos profesionais da infancia da provincia a participar neste encontro, que definiu como unha oportunidade para aprender, compartir experiencias e medrar de forma conxunta. Así mesmo, subliñou a importancia de impulsar espazos que promovan unha crianza respectuosa e unha educación consciente.

0.1328341960907