Lugo acollerá a súa primeira Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros
A concelleira de participación e servizos para a veciñanza, Cristina López, anunciou a primeira edición da Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros de Lugo, organizada pola asociación de Coleccionistas Cervexeiros de Galicia. A concelleira de participación explicou que “trátase da primeira edición desta xornada que se realiza en Lugo, despois de estar noutras cidades galegas como Compostela e Pontevedra”.
A xornada agrupará a máis de 20 expositores que mostrarán as súas pezas o vindeiro domingo, 13 de marzo, a partir das 11 da mañá. Achegaranse coleccionistas de botellas de cervexa, chapas, pousavasos, etiquetas, vasos serigrafiados e outros artigos coleccionables procedentes de todo o mundo. A concelleira de Participación destacou que “trátase dunha oportunidade única para coñecer o mundo do coleccionismo relacionado coa cervexa”, e engadiu “a veciñanza de Lugo poderá acudir de xeito gratuíto a ver as distintas coleccións”.
A mostra conta co apoio de La Craft, cervexaría artesá ubicada no Mercado Municipal, que permitirá degustar distintas cervexas artesás realizadas en Lugo.
A mostra está a ser promocionada nun dos foros de coleccionismo especializado na cervexa máis importantes a nivel estatal e internacional, e desde a organización cóntase coa presenza de coleccionistas de Galicia, de distintas partes do estado e de Portugal, que se achegarán a Lugo para mostrar a súa colección.