Lugo acollerá a Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros da Asociación de Coleccionistas de Galicia

Presentouse a nova edición da Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros de Lugo, organizada pola Asociación de Coleccionistas Cervexeiros de Galicia.
O evento terá lugar o próximo domingo, 16 de novembro, a partir das 11.00 horas no Mercado Municipal, e reunirá a unha serie de expositores que mostrarán as súas pezas, incluíndo botellas de cervexa, chapas, pousavasos, etiquetas, vasos serigrafiados e outros artigos coleccionables procedentes de diferentes partes do mundo.
A mostra conta co apoio de La Craft, cervexaría artesá que ofrecerá a posibilidade de degustar distintas cervexas artesás elaboradas en Lugo, achegando unha experiencia sensorial á xornada.
A concelleira de Participación, Cristina López, destacou que se trata dunha “nova edición coa que buscamos repetir o éxito das xornadas realizadas os anos anteriores” e subliñou que “é unha oportunidade única para coñecer o mundo do coleccionismo relacionado coa cervexa”. Engadiu que a veciñanza poderá acudir de xeito gratuíto para coñecer as distintas coleccións expostas.
López subliñou tamén que esta actividade se enmarca no esforzo por “dotar ao Mercado Municipal de iniciativas novidosas e interesantes”, lembrando que nos últimos meses o espazo acolleu feiras, concertos musicais e obradoiros infantís.