Lugo acollerá as finais da Copa Galicia de Fútbol Sala o 17 de abril

A Xunta de Galicia impulsa unha nova edición da Copa Galicia de Fútbol Sala, que terá o seu punto culminante en Lugo o vindeiro mércores 17 de abril coa celebración das finais feminina e masculina.
O torneo, organizado pola Real Federación Galega de Fútbol, enmárcase no convenio asinado coa Secretaría Xeral para o Deporte.
O acto de presentación dos detalles das finais contou coa participación do xefe do Servizo de Deporte da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Manuel Otero.
Os partidos decisivos disputaranse no Pavillón Municipal dos Deportes da cidade e a final feminina terá lugar ás 12.00 horas e enfrontará a dous equipos referentes da Primeira División, a máxima categoría do fútbol sala feminino nacional: o Burela FS e o Bloques Cando Castro FS.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase a final masculina. Nesta ocasión, medirán forzas o Stellae Leis de Pontevedra, conxunto que compite na Segunda División B, e o Noia Portus Apostoli, equipo da Primeira División.
A Copa Galicia consolídase como unha cita de referencia no calendario deportivo autonómico, promovendo o fútbol sala de alto nivel e ofrecendo un espectáculo deportivo aberto á cidadanía.