Lugo acollerá as Xornadas Antimilitaristas na Hedreira durante o mes de xuño

O Centro Social A Hedreira, situado na Rúa Catasol 17 de Lugo, será o escenario das Xornadas Antimilitaristas que se celebrarán ao longo do mes de xuño con diversas actividades e palestras centradas na crítica ao militarismo e na defensa da paz.
O programa comezará o martes 3 de xuño ás 20:00 horas cunha mesa redonda sobre loitas antimilitaristas en Lugo, onde intervirán María José Gil (Obxección Fiscal Lugo), José Manuel Seixas (Corneta Obxecta) e o colectivo Imos Bailar un Conto, que presentará a iniciativa Bicis pola paz.
A seguinte cita será o martes 10 de xuño, tamén ás 20:00 horas, coa intervención de Carlos Portomeñe (Esquerda Unida), que abordará a situación internacional baixo o título: Coa OTAN e a guerra na porta da casa.
As xornadas concluirán o martes 17 de xuño ás 19:30 horas, cunha sesión dobre dedicada ao conflito en Ucraína e ao imperialismo ruso. A primeira charla, Rusia, un imperio. A historia do imperialismo ruso e a resistencia dos pobos colonizados, correrá a cargo de Alona, activista procedente de Rusia. A continuación, Olek, desde Ucraína, falará sobre Anarquistas e antifascistas ucraínos e internacionalistas na fronte. Esta última xornada desenvolverase da man da Assemblea Solidaritat Antifeixista amb Ucraïna (València).