Lugo acollerá desde mañá varias citas deportivas de máximo nivel de billar
Varios encontros deportivos de máximo nivel mundial de billar sucederanse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo entre o 20 de xuño e o 2 de xullo.
En canto ao calendario previsto, do 20 ao 25 de xuño celebrarase o Spanish Open, un novo evento principal do ranking mundial de Bola 9, que contará con 256 xogadores de todo o mundo. O 23 e o 24 de xuño terá lugar o FSR Junior Open; e do 27 de xuño ao 2 de xullo desenvolverase a World Cup of Pool, un campionato de billar americano na modalidade de Bola 9, que reúne a 64 xogadores de 32 países.
Os encontros internacionais son organizados por Matchroom, o maior promotor de billar americano do mundo, e retransmitiranse a través de canais e plataformas como Sky Sports, Dazn, Viaplay, Ziggo, Matchroom.Live, Weibo, Facebook e Youtube.
En paralelo a estas convocatorias, os días 24 e 30 de xuño e 1 e 2 de xullo terá lugar o 31º Campionato Galego de Billar Pool de Equipos, que congregará a máis de 1.000 xogadores no Pazo de Feiras, onde se instalarán corenta mesas homologadas. Os participantes neste torneo, considerado como o máis multitudinario de Europa, disputaranse os títulos autonómicos e os premios dispostos pola Asociación Galega de Billar Pool para o remate da tempada deportiva 2022/2023.
Pola súa banda, os promotores cifraron en 2M€ o orzamento total destinado a montar estes torneos. En canto ao seu impacto económico, resaltaron que só para instalar o equipamento necesario e homologado no recinto feiral desprazaranse a Lugo 75 técnicos de diferentes países; ademais dos milleiros de participantes e afeccionados que visitarán a cidade.