Lugo acollerá desde o luns a segunda edición do Lugo Music Festival
O luns arrancará en lugo a segunda edición do Lugo Musical Festival, unha proposta novidosa organizada pola asociación Músico Crisanto que encherá de música as rúas de Lugo entre o 28 de agosto e o 2 de setembro.
Un ano máis, este programa continuará a ofrecer unha combinación interdisciplinar de Campus formativo e compendio de eventos musicais moi diverso, con convivencia de diferentes xéneros e formacións.
Así, por unha banda haberá un festival cun programa de concertos, entre os que figuran música de banda, música de cámara, big band, ensemble de saxos e ensemble de metais.
Paralelamente, levarase a cabo o Campus-concurso de dirección e canto, que realizará varios dos seus ensaios na rúa en formato aberto. Os eventos programados no Festival servirán tamén en parte para mostrar o traballo do alumnado activo do campus.
Unha vez máis, os docentes e xurado no Campus e Concurso serán o director de orquestra Cristóbal Soler e a mezzosoprano Lorena Valero, que tamén están á fronte da dirección artística do festival. Para completar o tribunal, contarase tamén cos mestres Enrique García Asensio e Rafael Pascual Vilaplana.
O campus, na categoría de dirección musical, permitirá ás participantes desenvolver a súas competencias como directores e directoras de agrupacións musicais, mellorando as ferramentas xestuais e técnicas das participantes e mellorando a relación orgánica entre a agrupación e a dirección. Para isto, achegarase formación en eidos como a posición corporal, o tempo, as dinámicas de traballo ou a independencia xestual.
Na categoría de canto, búscase transmitir a importancia do coñecemento propio para sacar o maior proveito á voz das persoas participantes. Organizaranse clases individuais e personalizadas para desenvolver as calidades segundo as necesidades de cada unha das participantes, afondando na preparación de castings, concursos e audicións achegando coñecemento detallado sobre todos os protocolos a seguir.