Lugo acollerá en setembro a Copa Galicia Sénior de baloncesto masculino
A cidade de Lugo reunirá á elite do baloncesto galego masculino os días 15 e 17 de setembro, coa disputa da edición número 37 da Copa Galicia Sénior Masculina.
Esta nova cita coa Copa vivirase no Pazo dos Deportes, baixo a organización da APSX Sagrado Corazón, e levará tamén consigo á cidade da muralla un nutrido grupo de actividades paralelas que completarán unha fin de semana de puro baloncesto galego.
O sorteo de calendario da competición realizouse o pasado 31 de xullo na sede central da Federación Galega de Baloncesto deparando unhas semifinais que enfrontarán na xornada do 15 de setembro a Río Breogán e Club Ourense Baloncesto e a Monbus Obradoiro e Leyma Coruña.
A final, cos vencedores de ambos os encontros, queda marcada para o domingo, 17 de setembro. Os horarios para ambas as datas de xogo están por determinar.
O proceso de venda de entradas e o prezo das mesmas farase público por parte da organización en próximos días.