Lugo acollerá en setembro un encontro europeo sobre políticas de envellecemento e reto demográfico
O Vello Cárcere será o escenario da reunión á que asistirá, alén do ministro de Asuntos Exteriores, a vicepresidenta da Comisión Europea para Democracia e Demografía e diversos secretarios de Estado.
Lugo será a sede, o próximo 8 de setembro, dun encontro de alto nivel da Unión Europea.
Cúmprese así o compromiso dado polo ministro de Asuntos Exteriores, a alcaldesa, Lara Méndez, cando en setembro pasado anunciou a vontade do Executivo central de que a cidade fose escenario dunha das reunións de comisiarios durante a presidencia europea de España, no segundo semestre do 2023.
Precisamente, unha delegación do devandito Ministerio visitaba estes días a cidade, onde foi recibida pola rexedora para abordar a organización do evento.
“Das posibles localizacións, escolleron o Vello Cárcere como lugar para desenvolver esta xuntanza que estará vencellada ao reto demográfico e ao envellecemento activo, nun recoñecemento ás boas prácticas que impulsa o Concello de Lugo en canto á implantación de políticas activas de promoción da participación na terceira idade”, avanzou Méndez.
O Goberno de Pedro Sánchez farase cargo da presidencia da UE dende o 1 de xullo e até 31 de decembro do 2023, de xeito que está a deseñar encontros sectoriais e informais da Unión en diferentes puntos do país mentres dure o seu mandato.
“Lugo será xunto a Vigo (Pesca) e Santiago (Economía e Finanzas) unha das tres capitais galegas na que se darán cita os representantes dos principais países europeos, contribuíndo así á proxección da nosa cidade como referente en materia asistencial”, valorou a rexedora ao tempo que avanzou que ao acto acudirá, alén do titular de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, a vicepresidenta da Comisión Europea para Demografía e Democracia, Dubravka Šuica, así como diversos secretarios de Estado.
“O obxectivo – sinalou Méndez – é que esta xornada de traballo, xunto a outra que terá lugar en Madrid, poida servir para impulsar un proxecto cunha estratexia renovada para os maiores, de aí que, alén dos altos cargos europeos, tamén se agarde a participación de recoñecidos expertos e dos colectivos lucenses”.
Antes de rematar, a alcaldesa puxo en valor a proxección que terá para o municipio a celebración do evento.
“Grazas ao noso diálogo permanente co Goberno central e á receptividade que este ten ás nosas reivindicacións, Lugo se moderniza e ocupa o seu lugar no mapa do Estado. E a mellor mostra son as infraestruturas: a Estación Intermodal, a mellora ferroviaria Lugo – Ourense, a rotonda de Alfonso X ou a nosa inclusión no Corredor Atlántico de Mercadorías”, concluíu Lara Méndez.