Lugo acollerá esta fin de semana un Mercado de Nadal promovido pola Xunta

LugoXa
Destacarán as producións agroalimentarias galegas de calidade, cun programa de actos de carácter lúdico que inclúe degustacións, demostracións culinarias, sorteos e actividades
Mercado-Nadal_Lugo-Xunta
12 Dec 2024

Lugo converterase nun escaparate dos produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada cun Mercado de Nadal organizado pola Xunta, que terá lugar entre o venres 13 e o domingo 15.

O Mercado celebrarase na Praza Horta do Seminario, onde terán un papel protagonista as producións agroalimentarias galegas de calidade, cun amplo programa de actos de carácter lúdico que inclúe degustacións, demostracións culinarias, sorteos e actividades para os máis cativos. En total, serán 25 os operadores participantes neste mercado, no que ofrecerán as súas creacións ao público en xeral.

En canto ao programa, o venres pola tarde haberá obradoiros infantís de postais, chapas de Nadal ou tatuaxes. Ademais, farase unha maridaxe de queixos e embutidos con sidra artesá e está tamén prevista unha visita de Papá Noel, que será recibido con degustación de chocolate. O sábado, o mercado abrirá desde as 11.00 ata as 14.00 horas e a partir das 16.00 ata as 20.30 horas.

O programa incluirá tamén obradoiros infantís, así como talleres de elaboración de amuletos con miga de pan ou de xeados con queixo artesán. Así mesmo, celebraranse degustacións de derivados cárnicos, unha merenda con ideas para un pique-nique artesán, maxia para todos os públicos e sorteos de lotes de produtos.

Con respecto ao programa do domingo, ademais dos obradoiros para os máis cativos, os sorteos e as degustacións, terán lugar tamén espectáculos de teatro e un monólogo a cargo de Leti da taberna.

Mercado de Nadal enmarcado no 'Plan Saborea calidade diferenciada de Galicia'

Na presentación deste evento, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor esta iniciativa e o feito de celebrarse nunha época do ano especialmente axeitada para facer promoción dos produtos alimentarios e, nomeadamente, dos de calidade, xaque hai un maior consumo e a cidadanía está disposta a facer un maior esforzo económico na cesta da compra para celebrar as festas. A montaxe e coordinación deste mercado corresponde á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita a Medio Rural.

O seu director, Martín Alemparte, salientou tamén a idoneidade deste tipo de eventos nas datas de Nadal e lembrou que este de Lugo é o terceiro mercado organizado este ano, despois dos que tiveron lugar en Vigo na fin de semana do 22 ao 24 de novembro e en Ribadavia do 6 ao 8 de decembro. A maiores, tamén haberá un en Santiago de Compostela do 20 ao 22 de decembro.

Estes mercados de Nadal, que terán un custo en conxunto de arredor de medio millón de euros, enmárcanse no 'Plan Saborea calidade diferenciada de Galicia' que promove a Consellería do Medio Rural para facer promoción das producións agroalimentarias de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.19326090812683