O Pazo de Feiras e Congresos albergará o Hinchalugo – Semana Santa, unha alternativa de ocio para nenos e nenas

A cidade de Lugo contará durante o período das vacacións de Semana Santa cunha nova proposta de lecer destinada ao público infantil, pensada para ofrecer unha alternativa saudable, segura e atractiva para nenos e nenas durante estes días non lectivos.
Baixo o nome de Hinchalugo – Semana Santa, a actividade desenvolverase os días 31 de marzo e 1 de abril no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, cun horario continuado de 16:30 a 19:30 horas. As familias poderán desfrutar dun amplo espazo con máis de 30 atraccións inchables adaptadas a distintas idades, co obxectivo de fomentar o xogo, a actividade física e a convivencia entre a rapazada.
Hinchalugo está concibida como unha iniciativa aberta non só aos nenos e nenas da cidade, senón tamén aos dos concellos limítrofes e ao conxunto da provincia. Ademais, a proposta está especialmente pensada para facilitar a participación das AMPAS, que poderán organizar actividades colectivas durante a Semana Santa.
Durante a presentación do evento, a presidenta da Federación de Veciños Lugo Rural Importa, Cecilia Vázquez, destacou que “Hinchalugo – Semana Santa é unha das primeiras actividades de gran impacto que impulsa a Federación desde a súa recente constitución, cunha clara vocación provincial e co obxectivo de ofrecer propostas útiles, visibles e de calidade para as familias”. A iniciativa conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia, garantindo o seu correcto desenvolvemento e o cumprimento das condicións de seguridade.
Hinchalugo – Semana Santa preséntase así como unha oportunidade única para que a infancia desfrute dun ocio familiar accesible, inclusivo e orientado ao benestar, ofrecendo días de vacacións diferentes, cheos de xogo e diversión, no corazón da provincia de Lugo.