Lugo acollerá múltiples citas deportivas entre o mes de abril e agosto

Lugo está a consolidarse como un referente do deporte ao acoller durante os próximos meses unha serie de competicións de alcance nacional e internacional, que atraen a visitantes e fomentan a actividade económica local. Entre abril e agosto, a cidade vivirá unha intensa programación que combinará ximnasia rítmica, atletismo, deportes acuáticos e motor, xunto a citas de danza e artes marciais.
O calendario arrinca en abril co Torneo Lucus Augusti de ximnasia rítmica, organizado polo Club Filigrana, e continúa en maio con eventos como Equigal, o salón internacional do cabalo; o Descenso Internacional do Miño, promovido polo Club Cidade de Lugo e a Federación Galega de Piragüismo; o Torneo Cidade de Lugo de ximnasia rítmica, impulsado polo Club Gravity; o Medio Maratón Cidade de Lugo; e o Campionato de España de Rally Radio Control.
“Estamos a conseguir unha programación continuada que fai que durante semanas Lugo reciba visitantes de maneira constante, o que se traduce en ocupación hoteleira sostida e actividade económica continua”, destacou o edil.
En xuño concentraranse citas destacadas como o CESA de voleibol; o Campionato de España de hockey sobre patíns en liña; o Campionato Galego de barco dragón; a xornada da Serpe Golden League de judo, organizada pola propia Serpe Golden League xunto ao Judo Club LugoKan e Lucus Dojo; e o Urban Dance Tour, promovido por Star Dance.
Durante xullo, Lugo seguirá acollendo competicións de ámbito estatal, como o Campionato de España de barco dragón, encontros entre seleccións autonómicas de fútbol sala Galicia-Cataluña e eventos como os Games Series.
O calendario pecharase en agosto co XXV Triatlón do Miño, organizado polo Club de Triatlón Cidade de Lugo Fluvial. O impacto económico directo destas citas supera os 3,3 millóns de euros, aos que hai que engadir o efecto multiplicador, que eleva o retorno total ata cifras próximas aos 3,7 millóns de euros.