Lugo acollerá no mes de maio o XV Salón Internacional do Cabalo EQUIGAL
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos co xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López, un convenio de colaboración para a celebración da XV Salón Internacional do Cabalo, EQUIGAL, que se celebrará en Lugo no vindeiro mes de maio. A institución provincial achega 40.000€ para a posta en marcha deste evento, que recupera a normalidade.
Tomé Roca destacou o apoio da institución provincial a esta cita dende o seu nacemento e sinalou a súa importancia para “apoiar a actividade económica de sectores como a hostalería, o turismo ou o comercio”, así como para “impulsar o propio sector ecuestre na provincia de Lugo e en Galicia”.
A achega da Deputación supón preto do 80% do orzamento que a organización de EQUIGAL precisa para a posta en marcha deste salón no que se celebra o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo, o V Concurso de Cabalos de Pura Raza Árabe, o XV Concurso Internacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, o Concurso Morfolóxico de Cabalos de Pura Raza Galega, así como unha Proba de Enganches que entra dentro da categoría de Xogos Ecuestres Federados.
A pasada edición EQUIGAL recibiu a máis de 9.500 visitantes, a pesar de contar con un aforo limitado ao 80% a causa da pandemia, e acolleu preto de 250 exemplares.
Entre as actividades previstas nesta edición, a organización tamén contempla actividades gratuítas de iniciación ao mundo ecuestre, entre os días 9 e 13 de maio, dirixidas a escolares de quinto e sexto de Primaria.
UNHA FEIRA CONSOLIDADA
O Salón Internacional do Cabalo de Galicia é, dende o 2008, unha cita ecuestre de referencia do noroeste de España. O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.