Lugo acollerá o 15 de marzo unha nova edición do Torneo de Xadrez de Pascua na Praza de Abastos

A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo, en colaboración coa Escola Luguesa de Xadrez, organizará o vindeiro domingo, 15 de marzo, unha nova edición do Torneo de Xadrez de Pascua. A iniciativa desenvolverase nun espazo emblemático da cidade, a Praza de Abastos, coa intención de achegar esta disciplina á cidadanía.
Durante a presentación do evento, a concelleira de Educación, Iria Buide, destacou que a Tenencia de Alcaldía volverá apostar por integrar o xadrez nun lugar “privilexiado” como é a Praza de Abastos. A edil sinalou ademais que o obxectivo é converter a contorna da rúa Quiroga Ballesteros “no espazo que Lugo merece para a expansión do coñecemento”.
O torneo foi presentado pola propia Iria Buide e polo director da Escola Luguesa de Xadrez, Pablo Castro, quen animaron á participación neste encontro deportivo e educativo.
A competición desenvolverase entre as 16:00 e as 19:30 horas. As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición entregando o correspondente formulario ao persoal da Escola Luguesa de Xadrez ou enviando un correo electrónico ao enderezo escolaluguesaxadrez@gmail.com
.
A participación será totalmente gratuíta e os emparellamentos realizaranse mediante o programa informático Swiss Perfect. A organización entregará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría —Sub8, Sub10, Sub12, Sub14, Sub18 e absoluta—, ademais de agasallos para todas e todos os participantes.