Lugo acollerá o domingo o Día do Maior
O Goberno local adiantará a este domingo día 22 a celebración do Día do Maior cunha festa na praza da Milagrosa, con baile, música en directo, merenda doce e algunha que outra sorpresa. A Concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, sinalou que “decidimos adiantarnos ao 1 de outubro, a data oficial do Día Internacional das Persoas Maiores, para espacialo das festas de San Froilán e garantir mellor tempo e asistencia, para unha actividade que cada ano organizaremos nun barrio distinto co obxectivo de dar visibilidade as diferentes zonas da cidade, e favorecer a socialización da veciñanza”.
Desde as 16.30 e ata as 20.00 horas, a praza da Milagrosa acollera esta festa para o que o Goberno local instalará unha gran carpa, que permita celebrar o baile social, que contará con música en directo. A edil de Benestar Social e Maiores invita a todas e todos os asiduos aos bailes dos distintos centros de convivencia municipais a tomar parte neste gran baile social, que aínda que dirixido aos maiores está aberto á poboación en xeral.
A concelleira de Maiores, Olga López Racamonde, explicou que “esta actividade se enmarca dentro da política do Concello de incentivar o envellecemento activo e fomentar a socialización das e dos maiores lucenses, con programas de éxito, de gran participación e demanda, como son, entre outras, as actividades de animación sociocultural e os bailes que se desenvolven nos centros de convivencia municipal”.