Lugo acollerá o torneo de xadrez Festa Final, que se celebrará o vindeiro 8 de xuño

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, presentaron as actividades previstas para o mes de xuño dentro da programación anual de promoción do xadrez, dirixidas a toda a veciñanza de Lugo, co obxectivo de "espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias sobre as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa", explicou Maite Ferreiro.
O mes de xuño comezará co torneo de xadrez "Festa Final", que terá lugar na praza Maior na tarde do 8 de xuño. O torneo, orientado a xogadores federados, será totalmente gratuíto e contará con 120 prazas divididas en 6 categorías (menores de 8, 10, 12, 14, 18 anos e categoría absoluta). As persoas interesadas en participar no torneo deberán realizar a inscrición contactando coa asociación cultural Xaquedrum.
Como actividade paralela, o xadrez sairá á rúa todas as tardes de luns a venres entre o 3 e o 20 de xuño. Instalarase un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e daranse clases de iniciación. Desta forma, todas as persoas que o desexen poderán xogar ao xadrez. Trátase dunha actividade totalmente gratuíta que non precisa de inscrición previa.
Iria Buide destacou "o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación", e engadiu "a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade".