Lugo acollerá un ciclo de xornadas sobre as adiccións ás novas tecnoloxías na mocidade
Expertos galegos e de ámbito nacional en adiccións vinculadas coas novas tecnoloxías e o seu mal uso e abuso por parte da mocidade falarán deste tema nun ciclo de xornadas titulado ‘Adiccións sen substancia’, abertas a todo o público, organizada polo Concello de Lugo no marco do Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias.
Dirixida especialmente ao público xuvenil, profesionais e familias, desde a concellería de Xuventude do Goberno de Lara Méndez, que impulsa este plan, anímase a participación de toda a veciñanza preocupada por este tema, xa que “a adicción ás novas tecnoloxías non só é un problema cada vez maior entre a mocidade, senón que afecta a todas as idades”, alerta o edil Mauricio Repetto.
O ciclo incluirá catro conferencias nas que profesionais de diferentes campos falarán de prevención, sensibilización e investigación sobre a educación no mundo dixital e as relacións coas novas tecnoloxías. O obxectivo, apunta o concelleiro, é “sensibilizar da existencia das adiccións de comportamento e informar dos recursos existentes para o seu tratamento e recuperación”.
A primeira xornada celebrarase o día 5 de maio no Círculo de Bellas Artes, ás 18.00 horas, e actuarán como relatores Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social, e Alexandre García Caballero, doutor en Mediciña Psiquiatra do Complexo Hospitalario de Ourense.
Ciclo de Adiccións sen substancias
5 de maio (18.00): ‘Claves para educar no presente Dixital’ (Círculo das Artes).
Relator: Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e Profesor da USC. Experto en adiccións.
Relator: Alexandre García Caballero, doutor en Mediciña Psiquiatra do Complexo Hospitalario de Ourense, especializado na saúde emocional adolescente. Promotor do Proxecto #innovasaúde.
12 de maio (16.30): ‘A relación das novas Tecnoloxías coa adolescencia contemporánea’ (IES. Lucus Augusti)
Relator: Belén Montesa Lou, licenciada en Psicóloga Xeral Sanitaria. Experta en drogodependencias pola Universidade Complutense de Madrid
18 de maio (16.00): ‘Isto non é un Xogo: adiccións comportamentais’ (CPR. Galén)
Relator: Iván Pico Martínez, psicólogo social, educativo e deportivo. Especialista en prevención de adiccións no ámbito educativo.
26 de maio (18.00): ‘Claves para educar no presente dixital’ (Círculo das Artes)
Ponente: Jorge Gutiérrez Berlinches, xornalista, profesor do Máster de Educación Emocional da UNIR e escritor. Autor de La trampa del Sexo Digital.