Lugo acollerá unha completa programación deportiva ata xuño, con 16 grandes eventos

A área de Deportes do Concello de Lugo presentou a programación deportiva do municipio ata o mes de xuño, cun total de 16 grandes eventos.
O atletismo e o fútbol serán os grandes protagonistas, pero a programación inclúe citas destacadas noutras disciplinas como voleibol, motocross, judo, piragüoismo e ximnasia rítima.
As instalacións municipais e contornas naturais de Lugo acollerán competicións de nivel internacional, nacional e autonómico.
Entre os eventos máis destacados atópase unha das probas puntuables para o Mundial de Motocross, que se disputará no circuíto municipal Jorge Prado os días 10 e 11 de maio. Ademais, o Pavillón Municipal dos Deportes será sede do Preeuropeo de Voleibol masculino Sub-19, entre o 24 e o 27 de abril.
Entre as probas máis emblemáticas a nivel autonómico destacan o Descenso do Miño, a máis veterana de Galicia e segunda en importancia en España tras o Descenso do Sella, que se celebrará o 7 de xuño. Tamén resalta a sétima edición da Media Maratón El Progreso Cidade de Lugo, que terá lugar no mes de maio.
O calendario deportivo inclúe dous campionatos autonómicos: o Campionato Galego de Judo Infantil e Cadete, que se disputará o 5 de abril en Frigsa, e a Final da Copa Galicia de Fútbol Sala, que terá lugar o 17 de abril no Pavillón Municipal dos Deportes.
Torneos e eventos municipais
No eido local, algúns eventos están consolidándose como referentes deportivos en Lugo. O Torneo Cidade de Lugo de Ximnasia Rítmica celebrará a súa cuarta edición o 15 de abril.
Ademais, terán lugar o Torneo de Fútbol 8 Sagrado Corazón e a segunda edición do Descenso de Carrilanas no barrio da Ponte, prevista para o 12 de abril.
Outra das novidades deste ano é a inclusión dunha sexta proba no circuíto de carreiras populares Corre con Nós, que se celebrará o 8 de xuño en Frigsa.
Outras probas do mesmo circuíto inclúen a Corre con Elas (16 de marzo en San Fiz), a Corre con Nós + XTI (20 de abril en As Saamasas) e a carreira na contorna do Pazo de Feiras e Congresos (11 de maio).
Novidades e probas solidarias
A programación deportiva inclúe ademais a primeira Xornada de Tecnificación Futbolinlugo, dirixida a futbolistas de 5 a 15 anos, que se celebrará o 5 de marzo no campo de As Gándaras con adestradores titulados.
Tamén haberá diversas probas de carácter solidario, como a carreira da AECC, prevista para o 12 de abril na Praza Horta do Seminario, e a XV Carreira Popular Solidaria Profe Alberto, que terá lugar o 25 de maio no barrio da Milagrosa.